Peregrinación cos cinco sentidos

Dúas celebracións concorren neste I Ciclo Música no Sil: os 1.100 anos do mosteiro de Santo Estevo, establecido como tal na Ribeira Sacra en 921, e o Ano Xacobeo 2021. A música no Sil naceu para celebrar a paisaxe, a música , literatura e viño dunha terra que serviu de lugar de paso e descanso para os peregrinos e fogar dos primeiros eremitas europeos. Unha terra que inspirou a transeúntes de todo o mundo e que agora nos insta a facer música nun escenario cargado de historia. Os tres concertos cubrirán séculos de música de Galicia e inspirados nela: desde o patrimonio musical medieval dos códices galegos, o folclore e a literatura, ata a música escrita no século XXI, o oínte viaxará no tempo co oído, mentres que o gusto, cheiro, vista e tacto gozan da arquitectura, o viño e a natureza desta terra única.

Enriqueta Somarriba, Directora Artística

Artistas

  • Rosa Cedrón

    CANTANTE E VIOLONCHELISTA

  • Cristina Pato

    PIANISTA E GAITEIRA

  • Schola Antiqua

    DIRECTOR: JUAN CARLOS ASENSIO

  • Enriqueta Somarriba

    PIANISTA

    DIRECTORA ARTÍSTICA

Sobre o Mosteiro de Santo Estevo

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do rico patrimonio monumental de Galicia. Foi construído entre os séculos XII e XVIII.

A tradición máis antiga fala de que Santo Estevo foi fundado no século VI por San Martín Dumiense. É probable que así fose, porque a cristianización de Galicia chegou pola ruta do sur a través das calzadas romanas da Bética a Braga e desta última a Astorga e Lugo. Por elas chega tamén o primitivo monacato.

Co privilexio de Ordoño II, expedido o 12 de outubro do ano 921, comeza a historia documentada deste mosteiro. O rei concédelle ao abade Franquila o territorio ruinoso e abandonado de Santo Estevo, cos seus soutos, pesqueiras e ribeiras para que edifique alí unha basílica ou mosteiro. Franquila, parece ser que rexía unha comunidade de ermitáns e decidiu restaurar a vida cenobítica en Santo Estevo.

Importante foi este mosteiro, porque a el se retiraron nove bispos que, renunciando ás súas sedes episcopais, escolleron o cenobio para finalizar os seus días ao longo do século X e, quizais, parte do XI. O mosteiro gardou os seus restos e como recordo levou ao seu escudo as nove mitras.

Os concertos terán lugar precisamente no claustro dos bispos, que, coa igrexa, é o máis antigo que se conserva no mosteiro. Chámase así porque nel estiveron enterrados os nove bispos que se retiraron a este mosteiro. Está composto por diversos estilos arquitectónicos, que conforman un conxunto homoxéneo e harmónico. Ten dous corpos: o inferior de estilo románico e o superior é unha transición do gótico ao renacemento.

Texto de turismo.ribeirasacra.org

Arquitectura, naturaleza, viño e música